Os colaboradores principais de Estrela Escura mantivemos unha reunión os pasados días en Santiago de Compostela co fin de ultimar os detalles da próxima publicación.
O obxectivo da xuntanza era chegar a un acordo conxunto, sobre todo ó redor da temática do próximo número da revista. Tras diversas deliberacións, decidimos que o próximo tema sobre o que tratarán as obras publicadas en Estrela Escura será, segundo as propias palabras de Anxo-Lobo Fiz, director do anterior número: "a represión, por parte de Castela, cara Galiza, asoballada durante séculos polo poder centralista; e a defensa, por parte dos galegos, da súa identidade e a súa liberdade".
Acompañado por Gorem, director do número que está por vir, e por Frederik Tácito, encargado dos aspectos técnicos e da administración deste blog, Anxo-Lobo Fiz expuxo diferentes opcións, entre as cales, ademais da seleccionada, destacaban: a irmandade con Portugal, unha homenaxe ós grandes poetas da literatura galega, temas dramáticos coma o dos incendios ou o do Prestige, ou a conciencia política do pobo galego. Por outra banda, ultimáronse detalles acerca das competencias de cada un dos membros, tra-lo cal Gorem foi seleccionado como próximo director e encargado da redacción do limiar, e da selección das obras, no caso de que se incorporen novos participantes ademais dos xa clásicos, que teñen unha posición case garantida.
O título resultou un dos aspectos máis difíciles de seleccionar. Ó final, os membros decidimos que o título será, en principio e se non hai cambios, Cara á tempestade, encabezamento que fai referencia á resistencia dos galegos fronte ás adversidades de orixe foráneo.
Outro tema de interese que se tratou na xuntanza foi o da anonimia, algo que resultou de certa utilidade para manter a nosa identidade oculta tra-la publicación do anterior número, algo do que, en realidade, tampouco temos necesidade. Por iso, neste número permitiranse as dúas opcións: ou ben a publicación co nome real, ou ben o uso dun pseudónimo elixido polo propio autor.
Non hai ata o de agora datas concretas para a publicación da revista, a presentación da cal levarase a cabo en Santiago de Compostela, posiblemente no entorno de San Domingos de Bonaval. Así como da outra vez Fisterra foi elixida para a presentación, como último avatar da terra galega antes das Américas, desta vez seleccionouse a sempre mística urbe compostelá por ser, precisamente, o símbolo da unidade e da identidade galegas.
Neste blog iremos anunciando os datos que se vaian concretando ó respecto. Mentres tanto, esperamos tamén que vos animedes a participar, contactando co administrador na dirección administradorestrelaescura@gmail.com